Data de inicio: 14-01-2020 . Data de fin: 30-01-2020
A pintora fenesa Ana Basoa Rioboo amosa na Casa da Cultura de Fene unha selección de retratos, bodegóns, flores e froitas, realizados en carboncillo. A mostra poderá visitarse até o 30 de xaneiro en horario de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 h. Para o día 29, ás 20 horas, anúnciase ademais o acto de clausura da mostra no que actuará o irmán da artista, Humberto Basoa –guitarra e voz-.
"Poñendo luz á noite", de Ana Basoa Rioboo, consta dunhas 30 obras en formato A1, A2 e A3. Apaixoada do realismo, a pintora fenesa afirma que co que máis desfruta é co retrato: "Cada retrato é coma un reto porque tes que conseguir definir a unha persoa a través da súa ollada. Cando fas un rostro non estás xogando só cos volumes. Coa ollada tes que transmitir todo o que é esa persoa. Neste senso, para min, a maior satisfacción que teño cando presento un novo cadro é que me digan que a persoa retratada fala coa mirada”.
Sobre a artista
Pintora fenesa. Dende nena sentiu paixón polo mundo da arte ata o punto de que, dende unha idade temperá, as súas actividades extraescolares consistían en acudir a galerías de arte a aprender dos artistas máis prestixiosos da zona de Ferrol coma, por exemplo, Antonio Fernández.
Dirixiu a súa vocación e os seus estudos cara este campo e realizou o grao de artes plásticas na Escola Superior de Arte, en Santiago de Compostela, con dobre titulación en Arquitectura de Interiores e Arte Publicitario. É técnico superior en deseño asistido por ordenador.
Participou en diversas exposicións tanto a nivel local (Fene, Ferrol, Pontedeume, Neda...) coma provincial. Ademais realiza retratos por encargo. Adoita pintar pola noite porque é “cando máis me inspiro e porque para pintar preciso toda a tranquilidade e tempo do mundo. Encántame chegar á casa, desconectar do mundo...e aí é cando comezo a crear”.