Os municipios que integran a Macomunidade de Concellos de Ferrol (Ferrol, Narón, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño) extreman estes días os controis de vixilancia ante a proximidade da Semana Santa e a previsión de que con motivo destas datas poidan desprazarse persoas procedentes doutras cidades que teñen aquí unha segunda residencia ou que se dispoñen a aproveitar esas datas para facer turismo. Os axentes da Policía Local de todos os municipios e a Garda Civil reforzan os controis por estrada para velar polo cumprimento das medidas en vigor con motivo do estado de alarma, que prohíbe desprazarse do domicilio habitual, entre outras obrigas, para evitar a propagación do coronavirus.