A.V.V. Santa Eulalia de Limodre. O marco de San Lourenzo

O marco de San Lourenzo trátase dunha pedra colocada no centro dunha antita ermida.

 

Está situada nos límites das parroquias de Limodre e Maniños de Fene, e de Laraxe e San Martiño do Porto.

 

A pedra ten unha forma prismática que non sobresae do chan máis duns 50 cm. A pedra está hoxe vencellada a procesos curativos para persoas e animais.

 

Segundo un estudio sobre “Arqueoloxía Prehistórica” realizado en 1984 por alumnos do Instituto de Formación Profesional de Barallobre, arredor da pedra obsérvanse unhas ruínas do que foi unha ermida adicada a San Lourenzo. O citado estudio describe algúns dos ritos que practican os veciños do lugar, para curar determinadas doenzas no marco de San Lourenzo:

“ Saen da casa do enfermo tres persoas, unha delas o propio doente, se este non pode ir irá alguén que o represente, levando unha prenda persoal que deixará no marco; antes de sair hai que deixar na casa un bolo de pan recén cocido, cun coitelo cravado no medio e unha vela acesa. A ida e a volta han de se facer por camiños diferentes. Os martes e os venres son os días máis propicios para os ritos.Lévanse tamén 9 pedras que se tiran de unha en unha nas 9 voltas que se dan ó menhir por riba do ombro esquerdo e faise o sinal da cruz en cada volta. Se se trata dunha persoa, o sinal faise cunha boina dun home que vaia á misa, e dise:

DEUS TE DOU,

DEUS TE CRIOU,

DEUS CHE QUITA O MAL DE OLLO,

QUE ALGUNHA PERSOA CHO BOTOU.”