CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Concello invita este sábado a veciños e visitantes ao concerto da banda "Arizona Baby"
02-01-2015
No marco da programación de Nadal, a Concellería de Cultura e Deportes de Fene ofrecerá mañá sábado o concerto da banda vallisoletana Arizona Baby. A actuación desenvolveráse baixo unha carpa habilitada ao efecto na Praza do Concello, coa que se pretende garantir que o mal tempo non impida a celebración desta cita cultural. Dará comezo ás 20,30 horas e o cartel deseñado polo Concello tamén incluirá as actuacións, como teloneiros, das bandas Superglue e Emanen´s Band.Hai uns anos, Arizona Baby converteuse nunha das grandes revelacións do panorama nacional. O seu despegue produciuse co moi apreciado “Second to None” (2009). Aquel grupo viña de Valladolid e era unha anomalía, cunha proposta acústica e baseada na música de raíces norteamericanas. Sustentados polo carisma dun frontman como Javier Vielba e o virtuosismo á guitarra de Rubén Marrón, Arizona Baby foi un non parar. Primeiro, ao formar xunto a Los Coronas, un proxecto como Corizonas, que cobrou vida propia e facturou tamén un disco sobresaliente e un directo de categoría. En segundo lugar, seguiron publicando novas entregas en forma de EPs ou o máis amplo The Truth, The Whole Truth and Nothing But The Truth (2012). E, en terceiro lugar, o propio Javier Vielba ten sacado o seu proxecto en solitario El Meister, máis ecléctico. E todo isto, sen parar de xirar como Corizonas. Había polo tanto unha importante expectativa por descubrir o seu novo disco, o Secret Fires, no que contan con Guillermo Aragón á percusión. E Secret Fires, o seu último traballo, que traerán a Fene, é un notable disco que amosa uns Arizona Baby máis diversos, pero sen perder as súas señas de identidade como son o seu gusto polo acústico e as músicas de raíces norteamericanas.