CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
Fene converteuse nunha auténtica festa coa San Silvestre máis multitudinaria
05-01-2015
Centos de persoas de todas as idades saíron ás rúas de Fene o pasado 31 de decembro para disputar a segunda edición da carreira San Silvestre que organizaba o Concello a través da Concellería de Deportes e Cultura. Unha cita multitudinaria que desbordou as previsións máis optimistas. Optimista e festeiro, precisamente, poderíase definir o ambiente que se respirou durante o mércores pola tarde. E é que a veciñanza respondeu moi positivamente a esta cita deportiva e fíxoo co espíritu da carreira: facer deporte e pasar unha tarde de diversión. Así, a meirande parte dos participantes achegouse á praza do Concello –punto de partida e meta- cos seus mellores disfraces. E, practicamente todos, ataviados co gorro de Papá Noel que lles facilitaba no kit navideño o Concello. Unha xornada única que se repetirá, segundo avanza o Concello, o próximo ano.E, aínda que os resultados eran o de menos, destacar que Melina Alonso e Sergio Piñón foron os gañadores da segunda edición da San Silvestre. Gañadores entre os máis de 560 participantes, unha cifra que o alcalde, Gumersindo Galego, valorou moi positivamente, xa que case que duplica a rexistrada o pasado ano. É un dato que, para o rexedor, constata que o evento se está a consolidar no calendario deportivo da comarca. Así mesmo, avanzou que o Concello decidiu que un de cada tres euros da cota que se cobrou por participar –agás na categoría pitufos- se destinará a Cáritas de Fene.
Volvendo á clasificación, na categoría feminina, Camila Alonso e Eusebia Maldonado quedaron en segunda e terceira posición, mentres que na masculina, Adrián Bouza e Santiago García foron segundo e terceiro.
En todo caso, a San Silvestre aínda agarda por outros premiados. O do mellor disfraz. Precisamente, a edil de Deportes, Rocío Bértoa, avanzou a apertura do prazo para votalo a través da páxina facebook da carreira ttps://www.facebook.com/sansilvestrefene. Prazo que se prolongará por espazo dunha semana.