O alcalde presenta a primeira APP do Concello, con todas as propostas culturais, deportivas e de ocio de Fene

ALCALDÍA

O alcalde presenta a primeira APP do Concello, con todas as propostas culturais, deportivas e de ocio de Fene

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presentou a nova APP do Concello para smartphones e tablets. Unha aplicación completamente gratuíta que xa está a disposición de todos os veciños e veciñas. No acto, que tivo lugar o pasado venres, o rexedor estivo acompañado polas concelleiras de Cultura, Rocío Bértoa, e Servizos Sociais, Juana Barro, así como por Sergio Beceiro, responsable de Mundoguía, a empresa da comarca que implantou esta nova ferramenta.
Gumersindo Galego destacou que Fene se converte nun dos primeiros municipios da comarca en dar este paso tecnolóxico co que se quere facilitar á veciñanza toda ainformación sobre a actividade cultural, social ou deportiva do municipio. Día a día, e en tempo real. Esta ferramenta é sumamente intuitiva, polo que calquera pode navegar por ela sen dificultade. A edil de Cultura e Deportes, Rocío Bértoa, explicou que aqueles usuarios de Android poden descargala na playstore e, os de Apple, na AppleStore. Nos dous casos, baixo a denominación “Eventos Concello Fene”. E, tamén nos dous casos, a descarga é gratuíta.
Así mesmo, as consultas poden facerse tanto por contidos –cultura, servizos sociais, deportes…- como por datas. E todos os eventos van acompañados do lugar de celebración, coas correspondentes coordenadas; horarios; unha breve descrición e imaxes ou vídeos. Todos eles poden compartirse nas diferentes redes sociais e a ferramenta está dispoñible en galego e castelán. Outro dos apartados destacados pola concelleira foi o de Avisos –nos que se irán colgando todas as incidencias e comunicados de interese veciñal tal que cortes de tráfico ou restricións de estacionamento; interrupcións en servizos ou cambios de horarios por citar algúns-.
Por último, o alcalde confiou en que esta ferramenta sexa de utilidade para a veciñanza, xa que a súa finalidade é precisamente facilitarlle toda a información abrindo cantas canles sexan necesarias e, por último, animou á cidadanía a descargar a aplicación.