A Casa da Cultura acolle a mostra "Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia"

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

A Casa da Cultura acolle a mostra "Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia"

A concelleira de Cultura de Fene, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que a Casa da Cultura inaugura nova exposición. Baixo o título “Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia”, a mostra dá conta, a través de distintos paneis, do instructivo compromiso solidario dos emigrantes galegos. Está promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), a través de su Arquivo da Emigración Galega, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración. Así, permanecerá a disposición da veciñanza ata o 31 de xaneiro, de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas. Os sábados poderá visitarse de 10 a 13.
A exposición subraia a dimensión da efeméride do centetario fundacional das Sociedades Galegas de Instrucción radicadas en América e as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes galegos. Comisariada por Vicente Peña Saavedra, e documentada por Carolina García Borrazás e María Teresa García Domínguez, é unha nova contribución do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, á recuperación e posta en valor da memoria e o legado dos emigrantes.