O Concello invita aos maiores a recuperar a historia de Fene a través das conversas do programa Construíndo pontes

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello invita aos maiores a recuperar a historia de Fene a través das conversas do programa Construíndo pontes

O Concello de Fene invita a todos os maiores do municipio a participar nas conversas do programa municipal “Construíndo pontes”. Conversas que se retomarán este luns, 19 de xaneiro, no Centro Municipal de Servizos Sociais.
Nelas, os maiores falarán sobre un tema elixido por eles mesmos relacionado coa historia de Fene e coas súas vivencias de tempos pasados. Así, xuntos construirán un documento que, como en edicións pasadas, se editará en formato publicación. Non só iso, o resultado desas conversas de recuperación da historia de Fene tamén se compartirán e visibilizarán coas demáis xeracións a través da denominada “Escola de Avós”. Un ciclo de presentacións que os maiores protagonistas de “Construíndo pontes” levan a cabo nos centros escolares do municipio.
Deste xeito, os maiores que estén interesados en participar poden formalizar a súa inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1, baixo-San Valentín). Tamén teñen á súa disposición os números de teléfono 981 34 26 07 e 981 49 27 06 ou o correo electrónico servizos.sociais@fene.es.
As conversas do programa “Construíndo pontes” celebraránse semanalmente, con sesións de hora e media de duración, que darán comezo todos os luns ás 16,30 horas. A data de remate do programa, que conta coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, é o 18 de maio.O programa, segundo o alcalde, Gumersindo Galego, permite pór en valor a contribución que os participantes fan ás xeracións máis novas e á sociedade no seu conxunto, xa que a través do mesmo os maiores comparten as súas vivencias e manteñen vivos os recordos para así estimular o debate, o intercambio de información e o potencial educativo. Pola súa banda, a concelleira de área, Juana Barro, asegura que o programa pretende destacar a contribución dos maiores á sociedade e fomentar o seu papel como axente activo da mesma.