O Concello de Fene repartirá 4.500 euros entre as comparsas que participen no Entroido 2015

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

O Concello de Fene repartirá 4.500 euros entre as comparsas que participen no Entroido 2015

Avanza a celebración dunha gran festa infantil o martes 17 de febreiro e do desfile e festival de comparsas e baile coa orquestra Aché o mércores día 18.
Repartiranse 4.500 euros entre as comparsas que participen nos actos municipais organizados no marco do Entroido 2015. Neste sentido, a edil de área, Rocío Bértoa, explicou que o acto central terá lugar o mércores 18 de febreiro, festivo local en Fene. A rúa Cádavo será o punto de encontro das comparsas participantes, que partirán en desfile polas principais vías do municipio para amenizar a festa coas súas letras, ironía e disfraces. O seu destino será a praza do Concello, onde se celebrará o Festival. E, a continuación, o Concello ten previsto un gran baile coa orquestra Aché.
A concelleira de Cultura avanzou esta mañá que o prazo de inscrición para as comparsas abriuse hoxe mesmo, coa publicación na páxina web das bases que rexerán as axudas a aquelas que participen nos actos programados polo Concello. Un prazo que, engadiu, pecharáse o 9 de febreiro.
Para anotarse e optar ás subvencións, é preciso presentar a documentación requerida no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres entre as 8,30 e as 14 horas ou os sábados de 9,30 a 13,30 horas. Amáis, deberán entregar copias das cancións no departamento municipal de Cultura.
 
Poderán participar nos actos e beneficiarse das axudas as asociacións ou entidades legalmente constituídas ou “grupos ocasionais” que cumpran as condicións fixadas nas bases. Haberá varias categorías: Comparsas de adultos (cun número superior de 15 integrantes maiores de 16 anos);
Comparsas infantís (como no anterior, pero menores de 16 anos e aquelas persoas adultas que apoien á agrupación); Comparsas de Fene (asociación con domicilio no municipio ou naquela que, cun número superior ás 15 persoas maiores de 16 anos, o 50% dos integrantes sexan veciños de Fene). Así mesmo, as comparsas inscritas están obrigadas a repartir as letras das cancións entre o público para garantir o ambiente festivo e, estas, deben estar en galego.
Os 4.500 euros previstos polo Concello en concepto de axudas repartiránse do seguinte xeito: 900 euros a partes iguais entre as comparsas de adultos de Fene; 300 entre as comparsas infantís; 1.320 euros a partes iguais entre todas as comparsas de adultos participantes; 660 entre todas as que estén integradas por máis de 15 membros adultos que suban ao escenario a actuar, e 1.320 euros entre todas as comparsas a criterio do xurado e en base á temática, a vestimenta e a posta en escea de cada unha delas.
Unha xornada de Entroido que virá precedida da festa infantil que, unha vez máis, organizará o Concello o día antes, martes 17 de febreiro. A partires das cinco e media do serán, e na mesma praza do Concello, os máis pequenos da casa poderán disfrutar da actuación de Nueva Onda, así como dunha degustación de lambetadas de Entroido para todos os participantes.