CONCELLERÍA DE OBRAS E SERVIZOS
A Xunta investirá máis de 151.000 euros na mellora dos camiños rurais do Concello de Fene entre 2013 e 2015
26-01-2015
A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou este venres o Concello de Fene para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo do 2014 e analizar os proxectos previstos para o presente exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña. No encontro, estivo acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego. Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 58.308 euros, que serviron para acondicionar 10 camiños. Deste xeito, actuouse nas parroquias de Perlío e Barallobre nas vías que unen Carballás e o campo de fútbol, O Catalán e a entrada de Maniños e Casais-Armada coa estrada do Forno. En Limodre, as intervencións centráronse nos camiños de Laraxe Cazadores e Cornide, mentres que en Magalofes arranxáronse os que van de Casal-Muiño do Vento e do cruce de Fonte Nova e Punxeiro á estrada da Deputación. Por último, reparáronse os camiños da subida á Curveira, en San Marcos, e de Lubián ata o viaducto da autopista, en Sillobre. En todos eles, acometeuse a limpeza das marxes e cunetas dos camiños e a reapertura de gabias con motoniveladora, co fin de mellorar a drenaxe e mellorar a visibilidade, para así incrementar a seguridade viaria. En total, arranxáronse máis de 12 quilómetros de pistas de carácter municipal.O rexedor tamén lle trasladou á delegada territorial o proxecto que elaborou o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que inclúe a mellora da capa de rodadura e da seguridade na vía, coa reposición da sinalización horizontal e vertical, así como a limpeza e perfilado das cunetas do camiño entre o cemiterio e Romariz, na parroquia de Barallobre. Os traballos realizaranse sobre 1,28 quilómetros de lonxitude, divididos en catro treitos. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación no último trimestre do pasado ano, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 92.710 euros, é dicir, un 84% máis que na convocatoria anterior.
O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e o concello de Fene. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.