O Concello proxecta a mellora de sete áreas infantís e a construcción dun parque biosaudable

CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO

O Concello proxecta a mellora de sete áreas infantís e a construcción dun parque biosaudable

O Concello de Fene proxecta actuacións de mellora e adaptación á normativa vixente de sete parques infatís emprazados nas diferentes parroquias do municipio, así como a construcción dun novo parque biosaudable. E, para isto, o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, avanzou que o seu departamento vén de presentar o programa de actuacións á convocatoria de subvencións aberta pola Xunta de Galicia para a creación e mellora deste tipo de infraestructuras. O obxectivo, engadiu, pasa por recabar a financiación necesaria e evitar así que o Concello teña que asumir o custe das intervencións, estimado en 31.788,66 euros.
Nesta liña, o concelleiro explica que o uso continuado ao longo do tempo derivou no deterioro dalgúns aparellos que, coa actuación prevista, se prevén sustituir ou reparar. Así mesmo, ese mesmo paso do tempo impuxo cambios normativos que tamén se prevén atender. Deste xeito, Juan José Franco avanza que as intervencións para as que solicita a citada subvención autonómica levaríanse a cabo nos parques da Praza Verde do Ameneiral e Rosalía de Castro (ambos na parroquia de Perlío); parque de Curros Enríquez (Maniños); parque do Souto (Sillobre); parque da Hortiña (Limodre), e parques da Praza e da Praza do 10 de Marzo (San Valentín).
Así mesmo, e co ánimo de extender a rede de parques biosaudables, tan en auxe nos últimos tempos, o Concello tamén propón á liña de axudas habilitar unha área deste tipo na parroquia de Sillobre, na zona posterior ao local social de San Marcos.