Concello e centros de ensino convocan o V Concurso de Microrrelatos Concello de Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

Concello e centros de ensino convocan o V Concurso de Microrrelatos Concello de Fene

O Concello editará en papel e formato dixital todos os traballos presentados.
O Concello de Fene e os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos centros de ensino do municipio anunciaron esta mañá a convocatoria do V Concurso de Microrrelatos Concello de Fene. A edil de Normalización Lingüística e Cultura, Rocío Bértoa, explicou que, onte á tarde, mantiña un encontro cos centros (CEIP do Ramo, Os Casais e Centieiras; CPI A Xunqueira; CPR Jorge Juan e IES de Fene) para acordar as bases que rexerán a convocatoria e que, dende hoxe, poden consultarse na páxina web municipal (www.fenecidadan.net).
A concelleira apuntou que o certame, dirixido ao alumnado de Fene, establece catro categorías (5º e 6º curso de Primaria; 1º e 2º curso de ESO; 3º e 4º curso de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos). Os participantes deberán elaborar un texto narrativo en lingua galega, que non poderá sobrepasar as 150 palabras (microrrelato) coa temática As lembranzas e que necesariamente comezará co verso de Valente “É agora a hora”.
Así mesmo, o concurso constará de dúas fases: unha interna e outra intercentros. Na primeira, os traballos elaborados serán entregados ao profesorado encargado deste concurso en cada centro educativo e será este quen decida a composición do xurado.
Para a segunda, os traballos seleccionados (máximo de dous por categoría) serán recollidos polo persoal do Departamento de Cultura nos centros de ensino participantes.
Estes traballos virán acompañados dun sobre pechado, único lugar no que constarán os datos identificativos do autor do traballo. As persoas menores de idade terán que incluír no sobre, obrigatoriamente, un escrito asinado polo seu represente legal (pai/nai/titor/a) no que se faga constar que aceptan as bases da convocatoria e a autorizan a participar no concurso.O xurado estará composto por unha comisión formada por dous membros de cada centro escolar participante (un profesor e un alumno) e un representante do Concello que ditaminará sobre o concurso de xeito inapelable, podendo declarar os premios desertos.
Así mesmo, os membros do xurado non poderán votar os traballos presentados polo seu propio centro.
Os gañadores recibirán un agasallo nun acto público o 1 de xuño e o Concello de Fene editará en formato papel e dixital (páxina web do Concello) todos os micorrelatos da fase intercentros.
O prazo para entregar os traballos ao Xurado remata o venres 10 de abril na fase interna e o venres 24 de abril para a fase intercentros. Posteriormente, o resultado darase a coñecer por parte do Concello de Fene na páxina web municipal e a todos os centros de ensino participantes.