O Concello convoca o II Certame de Creación Artística "En galego? É o noso!"

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

O Concello convoca o II Certame de Creación Artística "En galego? É o noso!"

Coas obras seleccionadas, o Concello inaugurará unha mostra pública.
A concelleira de Normalización Lingüística e Cultura, Rocío Bértoa, anunciou esta mañá a convocatoria da segunda edición do Certame de Creación Artística “En galego? É o noso!”, no que poderá participar todo o alumnado matriculado en calquera dos centros de ensino públicos ou concertados de Fene. As bases, disponibles aquí foron consensuadas nunha xuntanza celebrada entre a edil de representantes dos Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos centros educativos (CEIP do Ramo, Os Casais e Centieiras; CPI A Xunqueira; CPR Jorge Juan e IES de Fene).
Nesta segunda edición, tómase como referencia os poemas de “Vento Mareiro”, de Ramón Cabanillas, tendo en conta que neste 2015 se cumpre o 100 aniversario da súa publicación, así como a escolma de Carvalho Calero ao tratarse do 25 aniversario do seu pasamento.
A edil sinalou que as persoas participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe e fotografía ou, de ser alumno de 2º ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, nalgún soporte relacionado coas TIC (vídeo, 3GP, flv, avi, mp4, mov ou calquera outro de uso habitual).
Establécense os seguintes niveis de participación: Educación Infantil (participación colectiva –aula ou grupo de alumnos-); 1º/2º/3º de Educación Primaria (participación colectiva); 4º/5º/6º de educación primaria; ESO E Bacharelato e Ciclos Formativos. Así mesmo, o certame desenvolveráse en dúas fases (nos centros e intercentros). Na primeira, realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica ou as novas tecnoloxías e os centros seleccionarán os traballos.
Así mesmo, os centros participantes recibirán un vale para adquisición de material escolar cuxa cuantía dependerá do número de alumnos do centro e que oscilará entre os 25 e os 400 euros.
Coas obras seleccionadas o Concello de Fene realizará unha exposición pública que se inaugurará o 1 de xuño ás 20 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público até o 10 de xuño.