CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO
O Concello abre o prazo para participar na iniciativa "Historias ao longo do Camiño Inglés"
20-02-2015
O Concello de Fene anunciou a apertura do prazo para anotarse na iniciativa de promoción da ruta xacobea “Historias ao longo do Camiño Inglés”, organizada pola asociación cultural e artística “Ti e máis eu Teatro” e na que colabora a Concellería de Promoción Económica. O edil de área, Juan José Franco, explicou que o proxecto levará aos participantes, a fin de semana do 14 e 15 de marzo, a cubrir en autocar as diferentes etapas do Camiño Inglés. E, dun xeito diferente e co teatro como protagonista, facer o Camiño partindo de Ferrol e con paradas en Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Sigüeiro e Santiago de Compostela. Os veciños e veciñas de Fene interesados en participar deben presentar a súa solicitude no Departamento Municipal de Promoción Económica do Concello de Fene antes do 9 de marzo.O percorrido realizaráse cun Guía Turístico que irá explicando os aspectos máis salientables do Camiño Inglés e, en diversos puntos como Fene, realizaránse recreacións teatralizadas. De feito, a chegada ao municipio –praza do Concello- está prevista para o sábado ás 11,30 horas. Media hora máis tarde, ás 12 horas, a comitiva asistirá na parroquia de Sillobre a unha das recreacións previstas.Como actividades complementarias, visitaránse museos e monumentos destacados. E, de volta en Ferrol levaránse a cabo toda unha serie de actividades complementarias, como un almorzo, a Mesa redonda “O Camiño Inglés ao longo da Historia” ou a entrega dos premios do I Certame de Pintura e Fotografía Camiño de Santiago “O Camiño da Arte”. O prezo para participar na viaxe oscila entre os 25 e os 75 euros dependendo de factores como a reserva de aloxamento.