CONCELLERÍA DE OBRAS
O alcalde anuncia o acondicionamento das rúas Canabal e Maroño e obras de mellora do pavimento en San Valentín
20-02-2015
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, avanzou que o Concello executará as obras de acondicionamento das rúas Canabal e Maroño, en Fene, e procederá á reparación e mellora do pavimento en distintos puntos de San Valentín. As intervencións suman un investimento superior aos 179.000 euros e contan cun prazo de execución de seis meses. O rexidor explicou que se financiarán con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015, coa unimidade de todos os grupos municipais, expresada o pasado luns en pleno. Así mesmo, Gumersindo Galego sinalou que o Concello tamén destinará uns 49.000 euros procedentes do mesmo programa a cancelar a débeda bancaria contraída en anteriores lexislaturas.Máis polo miúdo, o alcalde detallou que as obras previstas na rúa Canabal contemplan o rebacheo e aglomerado da vía, previa reposición das redes de saneamento e de recollida de pluviais con canalización de 300 de tubería; a execución de 300 metros de cuneta revestida de formigón, e a sinalización horizontal correspondente. Así mesmo, na rúa Maroño, melloraráse a capa de rodaxe tamén con aglomerado e procederáse á reposición das redes de saneamento e recollida de pluviais con canalización de 140 metros de tubería. Neste caso, executaránse 140 metros de cuneta revestida e, como no caso anterior, a actuación completaráse cos traballos de sinalización horizontal.Doutra banda, o rexidor subliñou que o Concello tamén procederá á reparación do pavimento en San Valentín. Máis concretamente, entre o bloque I e II e no aparcamento da Avenida Cooperación (esquina co bloque XVI). No primeiro caso, e previamente, contémplase o arranxo das redes de saneamento e recollida de pluviais con canalización de 212 metros de tubería. Ademáis, colocaránse 79 metros de bordo de xardín, plantarás e céspede, ubicaráse novo mobiliario urbano como papeleiras e acondicionaránse os bancos de madeira existentes. No tocante á Avenida Cooperación, repararáse o pavimento e tamén o firme nun treito de 22 metros por 6,50, e prantaránse tres árbores con formación de alcorques. Os traballos proxectados nesta zona de aparcadoiro permitirán tamén gañar novas prazas para o estacionamento de vehículos.