CONCELLERÍA SERVIZOS SOCIAIS
O Concello de Fene retoma as sesións do programa Espazos Familiares
23-02-2015
O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos Sociais, retomará mañá martes as sesións do programa “Espazos Familiares”. A edil de área, Juana Barro, explicou que están dirixidos ás familias dos estudantes de Primaria e Secundaria que participan nos proxectos “Espazos Compartidos” e “Suma e segue”, aínda que nelas pode participar calquer veciño que esté interesado no tema a tratar. Nestas novas sesións, que terán lugar en diferentes centros de ensino de Fene (adxúntase cadro), abordaráse a Comunicación e o Coñecemento Familiar. E, máis en concreto, o papel da familia e a súa influencia no crecemento físico e psicolóxico.Nesta liña, Juana Barro sinala que o obxectivo do Concello de Fene coa posta en marcha destes programas é procurarlles aos rapaces apoio e reforzo continuado para a adquisición de destrezas básicas no estudo e a adquisición de hábitos axeitados de cara a aumentar o rendemento e o éxito escolar, ao tempo que as súas familias participan e se implican neste proceso a través de reunións específicas. É un programa motivador no que se traballan os puntos fortes de cada participante procurando apoio e ferramentas necesarias para o estudo e o desenvolvemento persoal, para potenciar as súas habilidades, a memoria, a atención, a comprensión, a motivación, o esforzo... así como as técnicas de estudo e a xestión do tempo. O programa, que organiza a Concellería de Servizos Sociais, conta coa colaboración económica da Deputación provincial da Coruña.