Fene acolle a campaña contra a violencia de xénero "No amor non todo vale"

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

Fene acolle a campaña contra a violencia de xénero "No amor non todo vale"

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, invitou a nenos e maiores a participar este venres, 27 de febreiro, na iniciativa No amor non todo vale, unha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero. Celebraráse na praza do Concello entre as 16 e as 20 horas, baixo unha carpa con cañóns de calor para combater o frío. Fene foi un dos oito municipios da provincia seleccionados pola Deputación da Coruña para acoller este acto, no que o Concello colabora a través da Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro. Así, a xornada dará comezo cun photocall que terá por lema Plántalle cara ao maltrato. Consistirá en invitar ao público participante a facerse unha foto coa mensaxe e difundila a través das redes sociais (en twitter co hashtg#nonaviolencia).Así mesmo, a concelleira Juana Barro explicou que a xornada incluirá talleres de títeres e marionetas para nenos e nenas. Será baixo o título: “Crecendo en Igualdade”. O seu obxectivo é sensibilizar sobre a importancia das relacións en igualdade para previr a violencia de xénero. Trátase dun taller grupal, onde os nenos e nenas participan de maneira activa e creativa, aproveitando a ferramenta das marionetas para lograr a sensibilización e compromiso cara á igualdade entre mulleres e homes como medio para previr a violencia de xénero. Trataránse os contidos transversais de igualdade, solidariedade, respecto e convivencia.
Así mesmo, está programado un contacontos para os máis pequenos e pequenas e unha exhibición de zumba. Neste caso, quérese impulsar de xeito divertido a reflexión sobre o que cada persoa pode facer, a nivel individual ou colectivo, para construír unha sociedade onde as persoas sexamos libres para decidir que queremos ser e facer, independentemente do sexo co que nacésemos. Por iso é imprescindible a implicación e participación de todos e todas.
Outro dos alicientes da xornada será o taller de defensa persoal, xa que é moi importante saber reaccionar ante situacións de risco. Constará de dúas partes: a de sensibilización e motivación e outra máis práctica.
Monólogos, actuacións musicais cun DJ e a lectura dun manifesto por parte do alcalde e da concelleira de Igualdade completarán a xornada.