CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO
O alcalde de Fene supervisa os traballos de xardinería realizados polos participantes no taller de emprego "Reinicia"
26-02-2015
Formarse no sector da xardinería, adquirindo os coñecementos teóricos necesarios e aplicando os mesmos nunha posterior fase de prácticas, foi o obxectivo dos homes e mulleres que, en situación de desemprego, participaron nos últimos meses no taller de emprego “Reinicia” na especialidade “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”. O alcalde, Gumersindo Galego, visitou onte pola mañá unha proba latente dos coñecementos adquiridos polos participantes. Xunto ao concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, trasladábase a San Valentín para comprobar o resultado do traballo alí realizado.Na zona entre o paseo marítimo e o colexio CPI A Xunqueira, ubícase agora unha composición de prantas que recrean o casco dunha embarcación en homenaxe ao astaleiro fenés. Unha auténtica creación que foi supervisada polos responsables do departamento municipal de Obras.
O taller de emprego “Reinicia” é un programa impulsado polos concellos de Fene, Ares e Cabanas. Precisamente, en Ares se impartiu a especialidade de “Actividades Auxiliares e de Apoio ao Buque en Porto” e en Cabanas “Actividades auxiliares de Agricultura”. De feito, a denominación do taller, “Reinicia”, elixiuse pola volta ao sector primario, xa que as tres especialidades pertencen a este. No mesmo, participaron un total de 21 alumnos, dos que o 61% pertencían a Fene.O edil Juan José Franco avanzou que o acto de clausura do taller, organizado conxuntamente entre os tres concellos, celebraráse a próxima semana e nel procederáse á entrega dos diplomas acreditativos aos participantes.