CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
A Concellería de Cultura organiza un obradoiro de radio gratuíto para nenos de 8 a 12 anos
04-03-2015
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que, con motivo da vindeira conmemoración da Semana da Prensa, o Concello de Fene organizará un obradoiro de radio para nenos de oito a doce anos, que se desenvolverá nas instalacións da Biblioteca Municipal de Fene ao longo de mes de marzo e cuxa participación é completamente gratuíta. Explicou que, con esta actividade, preténdese achegar aos menores ao medio radiofónico mediante o xogo, a investigación e a creatividade sonora, favorecendo nos participantes o desenvolvemento das súas capacidades expresivas, a atención e o traballo en equipo.O taller estructuraráse en tres sesións de tres horas de duración cada unha, os días 10, 17 e 24 de marzo (martes), de 16 a 19 horas. No decurso da actividade, os participantes converteránse en productores, redactores e locutores dun programa de radio que xirará sobre o libro e a literatura e que se gravará nas instalacións da emisora municipal Radio Fene na derradeira sesión do obradoiro. De xeito lúdico e fundamentalmente práctico, os nenos aprenderán como é o proceso de conseguir a noticia, facer entrevistas, redactar para o medio radiofónico e editar un programa do que, logo da súa gravación, recibirán unha copia. O obradoiro será impartido pola xornalista Almudena Marcos.
As prazas están limitadas a 15, e a realización desta actividade estará suxeita a que se cubran, alomenos, a metade das ofertadas. Aqueles interesados en participar teñen de prazo ata o luns, 9 de marzo, para apuntarse na Biblioteca Municipal ou chamar por teléfono ao número 981 34 23 03 (en horario de tarde).