CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO
Concello e asociacións presentan a Guía Vén a Fene! cos máis de 150 actos que se desenvolverán no municipio ao longo do 2015
09-03-2015
Baixo o lema “Vén a Fene! Non o podes perder!”, o alcalde, Gumersindo Galego, presentaba o pasado sábado a segunda edición da Guía de Ocio do municipio. Facíao nun acto público, aberto á veciñanza, no que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, ao fronte do departamento municipal que promoveu a publicación, e por representantes das máis de vinte entidades e asociacións de Fene que participaron na elaboración da guía. Precisamente, o rexidor destacou o traballo de edil e entidades para consensuar o calendario de festas, actos, eventos… que se recolle na publicación. Engadiu que, por primeira vez en Fene, se acorda entre Concello e asociacións, de modo que, na medida do posible, se evita coincidir en datas e permitir así á veciñanza concurrir a todos os eventos. Nesta liña, o concelleiro Juan José Franco agradeceu a predisposición de todas e cada unha das entidades para chegar ao acordo e, sobre todo, adicar tantas horas nas diferentes xuntanzas realizadas.A publicación, da que se editaron 3.000 exemplares, recolle mes a mes toda a programación prevista ao longo do ano (partindo de marzo). Así mesmo, explicítase o lugar de celebración, data e entidade promotora. Participaron máis de vinte de todo tipo, dende veciñais ata sanitarias, pasando por asociacións deportivas ou culturais, entre outras. Así, os feneses poderán disfrutar de 154 actividades previstas de aquí ao que resta de ano. Dende exposicións ata concertos, festivais, monólogos, festas de exaltación gastronómica, mercados, feiras, procesións, festas patronais, etnográficas, programas municipais de recuperación da memoria histórica, actividades xuvenís… un sinfín de propostas de todo tipo para ir a Fene, que ninguén se pode perder. E delas deron conta esta mañá os representantes das entidades promotoras.
Ao remate do acto, serviuse unha copa de viño para os asistentes, que tamén puideron desfrutar da actuación do grupo de mozos feneses “A Hada e o Delfo do Cádavo”.
As entidades participantes foron: A.C.D.R. O Pote; C.C.R.D. Perlío; C.P.S. Liga de Amigos de Barallobre; C.P.S. San Valentín; CMI Unidade de Fene; S.C.R.D Agarimo; A.VV. San Ramón de Sillobre; A.VV. San Xurxo de Magalofes; A.VV. Santa Eulalia de Limodre; A.C.H.S O Cruceiro; Asociación Etnográfica da Natureza AETNA; Airiños de Fene; Asociación Cultural Felicia; Asociación Oncohematolóxica Por+Vida; Asociación dos Vikingos Río Castro; Comisión de Festas de Fene; Comisión de Festas de Maniños; Comisión de Festas de Perlío; Comisión de Festas de Sillobre; O Tadetas; Radio Club Alfa Charlie; Scrach Fene.