O alcalde presenta a II Mostra Turística "Vén a Fene!" con propostas para todo o ano

CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO

O alcalde presenta a II Mostra Turística "Vén a Fene!" con propostas para todo o ano

O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, presentaron esta mañá a programación da segunda edición da Mostra Turística “Vén a Fene!” . Unha programación que inclúe máis dunha veintena de actividades a celebrar de aquí a finais do ano en todas e cada unha das parroquias do municipio. Trátase, segundo explicou o rexidor, de ofrecer dende o Concello unha completa axenda de accións de ocio para a veciñanza de Fene e lograr atraer visitantes ao municipio a través de actos culturais, eventos solidarios, concursos gastronómicos, actividades etnográficas… Gumersindo Galego subliñou que a II Mostra é obrigada tras o éxito da primeira edición e a boa acollida recibida e apuntou que vén a complementar as múltiples actividades que organiza o movemento asociativo, recollidas ambas na Guía de Ocio do Concello.
 
Na mesma liña, o edil Juan José Franco asegurou que esta segunda mostra conserva todo o bo da primeira e engade innovacións que pretenden mellorar aínda máis as actividades. Como exemplo, puxo a Festa Mariñeira, que se repetirá no mes de setembro no peirao de Barallobre, apuntando que se ampliarán as posibilidades de transporte marítimo e terrestre. Tamén o Encontro de Lavandeiras de Sillobre, este mesmo mes, que incluirá a maiores da programación do pasado ano unha ruta polos lavadoiros de todo o municipio e a conferencia “Sillobre terra de auga”. Incidiu na presentación de “Diarios”, o último libro de Ramón Loureiro, Fenés do Ano, o próximo día 27 no CMI de Fene. Un acto literario que confiou sexa multitudinario. O concelleiro puxo énfase nas caminatas polos principais recursos turísticos do municipio e aquelas actividades de carácter transversal que se levarán a cabo en todas as parroquias como o concurso de tapas, con novas actividades paralelas, o concurso gastronómico da pataca ou o de decoración navideña.
 
Apuntou que se reeditarán eventos solidarios como o Mercado de Nadal, que tamén se celebrará no mes de abril coincidindo coa Feira de Segunda Man e Troco, ou diferentes mostras fotográficas. Son só algunhas das accións previstas dun longo calendario que arrancará este mesmo sábado.
Precisamente, a Mostra Turística inauguraráse coa iniciativa “Historias ao longo do camiño”. Un proxecto de potenciación do Camiño Inglés a través dunha ruta en autocar con recreacións teatrais en municipios como Fene. Sobre as 11.30 horas, fará parada fronte ao consistorio. Alí, o público poderá ver unha pequena mostra. E, media hora máis tarde, en Sillobre (no adro da igrexa parroquial), unha recreación completa. Lembrou ao respecto que os interesados en participar na viaxe aínda poden apuntarse no departamento municipal de Promoción Económica  ata este venres. A actividade está organizada pola asociación cultural Ti e Máis Eu Teatro, coa colaboración do Concello.
Por último, alcalde e edil destacaron e agradeceron a colaboración das asociacións e entidades do municipio nesta Mostra Turística “Vén a Fene!”.