A Xunta prevé abrir ao longo do próximo curso a nova Escola Infantil de Fene

ALCALDÍA

A Xunta prevé abrir ao longo do próximo curso a nova Escola Infantil de Fene

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello de Fene, está a construír unha escola infantil de 0-3 anos na localidade, que ofertará un total de 41 prazas, previsiblemente, ao longo do próximo curso escolar. A titular do de partamento autonómico, Beatriz Mato, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, visitaron hoxe as obras que comezaron en xullo do ano pasado e nas que se están a investir 410.000 euros.
Mato destacou que a nova escola será a segunda da Rede A Galiña Azul en Fene, o que elevará ata 102 o número de prazas desta rede neste municipio. “Isto supón que o Goberno galego incrementou a oferta nun 40 por cento desde 2009”, apuntou. Polo que respecta á comarca de Ferrol, a titular do departamento autonómico sinalou que a oferta será de 577 prazas tendo en conta a nova escola de Fene, a municipal de Narón-Xuvia, que asumirá a Xunta, a ampliación do centro de Cedeira, os de Caranza e Esteiro, en Ferrol, e o de Ares. “É dicir, na comarca teremos seis escolas máis e o triplo de prazas autonómicas desde 2009”, subliñou a conselleira.
A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez en Galicia.
A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou máis de 2.000, un incremento superior ao 113 por cento.