CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO
Entrega dos diplomas no obradoiro de emprego "Reinicia", que promoveron os concellos de Fene, Ares e Cabanas
13-03-2015
O Concello de Fene acollía esta mañá o acto de clausura e entrega dos diplomas aos 21 participantes no obradoiro “Reinicia”, que impulsaron os municipios de Fene, Ares e Cabanas. No mesmo, participaron a conselleira de Benestar e Traballo, Beatriz Mato; os alcaldes de Fene, Gumersindo Galego, e Cabanas, Germán Castrillón; os tenente alcalde de Ares, Alma Barrón e José Eugenio Fernández; a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o concelleiro de Promoción Económica de Fene, Juan José Franco.A Consellería de Traballo e Benestar investiu nesta actuación máis de 186.000 euros. Nesta ocasión, o obradoiro centrouse nas especialidades de actividades auxiliares e de apoio ao buque en porto, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e actividades auxiliares de agricultura. Ao tempo que os alumnos se formaron nestas materias, realizaron traballos de xardinería no Paseo Marítimo de San Valentín, en Fene; recolección e conservación de cultivos en terreos municipais de Cabanas; e o mantemento e conservación do Buque Aula de Mar a Flote de Ares.Mato lembrou que “a aposta decidida” do Goberno galego por este tipo de actuacións enmárcase na súa liña de apoiar a formación certificada, xa que mellora a empregabilidade. De feito, lembrou que desde 2009, o departamento autonómico ten financiado actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade.Así mesmo, a conselleira sinalou que o éxito dos obradoiros de emprego levou tamén en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, publicou por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse preto de 15 millóns na posta en marcha de máis de 70 obradoiros. Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos. Por último, a conselleira destacou que Traballo e Benestar destinou á localidade de Fene preto dun millón de euros no eido social e laboral. Desde 2009, o investimento superou os 4,8 millóns de euros.