CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Concello organiza un itinerario poético-cultural polas rúas de Fene
16-03-2015
Con motivo do Día Internacional da Poesía, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, anunciou esta mañá que o Concello organiza para este mércores, 18 de marzo, un itinerario poético-cultural baixo o título “Entre rúas e versos”. Unha actividade especialmente pensada para nenos e nenas de entre oito e doce anos que conta coa respaldo da Consellería de Cultura a través do programa Ler conta moito. Para participar, é preciso inscribirse previamente na Biblioteca Municipal, ata media hora antes da acción, que comezará ás cinco da tarde.Trátase dun itinerario poético cultural no que se le camiñando e se descubrirán recunchos da contorna da Biblioteca gozando con fermosos versos de poetas galegas. Pero tamén un xogo no que un gran dado decidirá quen se vai escoitar! Rosalía? Filomena? Avelina?Berta? Antía? …
É unha ruta literaria para coñecer Fene e gozar con fermosos versos mentres se pasea. Poemas de escritoras galegas desde Rosalía de Castro e Filomena Dato ata Berta Dávila e Antía Otero pasando por María Mariño ou Avelina Valladares, entre outras. Unha ollada histórica á poesía galega feita por mulleres, pero tamén unha ollada diferente ás rúas polas que pasamos todos os días e, como non, un momento lúdico.
Acompañados dunha monitora, os participantes sairán da biblioteca para lembrar a poetas galegas, comezando con Rosalía de Castro e escoitando un poema dela. A partir de aquí, uns dados e uns sobres decidirán quen será a autora da seguinte lectura e que dirección tomar.