Fene acolle sábado a primeira "Sesión maxistral con… Diego Ríos", adestrador do Parrulo FS

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

Fene acolle sábado a primeira "Sesión maxistral con… Diego Ríos", adestrador do Parrulo FS

O club de fútbol sala feminino Ártabras Fene FSF, coa colaboración da Concellería de Deportes que dirixe Rocío Bértoa, organiza este sábado, 21 de marzo, a primeira “Sesión maxistral con…”. Unha iniciativa que inaugura Diego Ríos Gayoso e todo o seu equipo de traballo ao fronte do Parrulo FS. A cita terá lugar no pavillón polideportivo da Xunqueira, en San Valentín, entre as 10 e as 14 horas.
Na mesma, abordaránse temáticas como superioridades/inferioridades, ataque posicional 3-1 ou fundamentos defensivos. Así mesmo, os asistentes poderán formular as súas preguntas ou comentar experiencias a Diego Ríos Gayoso. Non só iso, durante o encontro, haberá tempo para o planteamento de exercicios sobre a pizarra, executándose de forma práctica sobre o parquet do pavillón de San Valentín. E é que, segundo destacan dende o clube, ao saír os asistentes seguramente levarán algunha dúbida resolta e un montón de ideas para os seus adestramentos, sexan da categoría que sexan. En boa medida porque Diego Ríos, ademais de ser un excelente adestrador de alta competición senior masculina, ten un ampla experiencia como adestrador das categorías base do Ázkar Lugo.
A entrada é gratuíta e aberta a todas aquelas persoas interesadas en formarse da man dun dos mellores adestradores de fútbol sala de España.
Breve currículum de Diego Ríos Gayoso
- Adestrador do primeiro equipo do Parrulo Fs en Segunda División Nacional masculina.
Tempada 2014-15.
- Adestrador do Prone Lugo AD en Primeira División masculina nas tempadas 2011 a 2014
- Adestrador Nivel III da FGFS
- Adestrador Nivel II pola RFEF
- Técnico Superior en Actividades Físicas e Deportivas
- Premio Especial ANEFS 2014
- Premio ANEFS Adestrador Revelación da tempada 2012-2013
- Mellor adestrador galego pola FGFS da tempada 2011-2012