Os nenos e as nenas que participan no obradoiro de radio na Biblioteca entrevistan ao alcalde

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

Os nenos e as nenas que participan no obradoiro de radio na Biblioteca entrevistan ao alcalde

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, someteuse a pasada semana ás preguntas dos rapaces e rapazas de entre oito e doce anos que participan no obradoiro de radio organizado polo Concello de Fene a través da Concellería de Cultura para conmemorar a Semana da Prensa. Unha entrevista moi especial que se desenvolveu na Biblioteca municipal. A actividade continuará este martes, 24 de marzo. Nesta xornada, coa que conclúe o taller, impartido pola xornalista Almudena Marcos, os participantes gravarán o seu propio programa radiofónico nas instalacións de Radio Fene.
O obxectivo do obradoiro é achegar aos menores ao medio radiofónico mediante o xogo, a investigación e a creatividade sonora, favorecendo nos participantes o desenvolvemento das súas capacidades expresivas, a atención e o traballo en equipo. No decurso da actividade, os participantes convértense en productores, redactores e locutores dun programa de radio que xira sobre o libro e a literatura. De xeito lúdico e fundamentalmente práctico, os nenos aprenden como é o proceso de conseguir a noticia, facer entrevistas, redactar para o medio radiofónico e editar un programa do que, logo da súa gravación, recibirán unha copia.