O Concello anima aos maiores a compartir as súas experiencias sobre cine e salas de festas no programa "Construíndo pontes"

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello anima aos maiores a compartir as súas experiencias sobre cine e salas de festas no programa "Construíndo pontes"

O programa de recuperación da memoria histórica “Construíndo pontes”, que organiza o Concello a través da Concellería de Servizos Socias, centraráse este ano nos Cines, salas de festas e vida social. Cada semana, os maiores que participan do programa intercambian experiencias en torno a esta temática. E, nesta liña, a concelleira de área, Juana Barro, invitou a todos aqueles veciños e veciñas maiores que desexen aportar as súas lembranzas a participar nas dúas próximas sesións, que se celebrarán na tarde deste luns 23 de marzo e o luns 13 de abril (de 16,30 a 18 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais).Neste caso, non precisan de inscrición previa. Decídese así porque o grupo estable do programa non conta entre os seus integrantes con veciños de todas as parroquias e a intención do Concello é que ningunha quede excluída no traballo final que se publicará cos resultados.