O alcalde anuncia que o Concello impulsa unha modificación da ordenanza do polígono para adaptar as parcelas a usos comerciais

CONCELLERÍA DE URBANISMO

O alcalde anuncia que o Concello impulsa unha modificación da ordenanza do polígono para adaptar as parcelas a usos comerciais

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá en rolda de prensa de que o Concello impulsa unha modificación da ordenanza reguladora dos usos do polígono industrial de Vilar do Colo –que o municipio comparte con Cabanas- para adaptar as parcelas a usos comerciais. Deste xeito, Gumersindo Galego asegura que o Concello pretende facilitar o asentamento e desenvolvemento de empresas prestadoras de servizos nun parque que, asegurou, ten moito futuro. Pero, ¿que tipo de empresas? Como exemplos, o rexidor sinalou un hotel, un tanatorio, un restaurante, un ximnasio… Nesta liña, a concelleira de Urbanismo, Rocío Bértoa, que acompañou ao alcalde na súa comparecencia ante os medios, engadiu que as instalacións gañarán en competitividade e, sobre todo, o parque adaptaráse á nova realidade socioeconómica. En relación ao estado da tramitación administrativa, explicou que o cambio normativo se aprobaba o pasado 19 de marzo en Xunta de Goberno Local e que, nos próximos días, publicaráse no Diario Oficial de Galicia (DOG) para abrir o prazo de alegacións.
Rocío Bértoa destacou o traballo do departamento de Urbanismo realizado nos últimos tres anos e, en relación ao polígono, lembrou que en 2011 se iniciaba a regularización de moitas das naves asentadas en Vilar do Colo, aquelas que carecían de licencia para desenvolver a súa actividade e, nalgúns casos, nin sequera a construción estaba dada de alta catastralmente –co que o Concello non ingresaba as correspondentes tasas en concepto de Imposto de Bens Inmobles-. Tamén sinalou que, dende os anos 90 en que se aprobaron, as ordenanzas que regulan o polígono non se tocaron ata o dagora, a pesar dos cambios normativos que se teñen producido a nivel autonómico.
O alcalde insistiu en que, coa modificación aprobada, o Concello dará saída a moitas naves hoxe en día baleiras e sen expectativas de desenvolvemento (a pesares de que no seu día accederon aos terreos coa obriga de presentar e levar adiante un proxecto industrial). Situación que, en gran medida, lastrou o propio desenvolvemento do polígono industrial.