CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O alcalde entrega os diplomas aos rapaces que participaron no obradoiro de radio na Biblioteca
26-03-2015
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, entregaba o pasado martes os diplomas aos nenos e nenas que, nas últimas semanas, participaron no obradoiro de radio organizado pola Concellería de Cultura para conmemorar a Semana da Prensa. Impartido pola xornalista Almudena Marcos, o taller concluía ese mesmo día cunha sesión moi especial, xa que os rapaces poñían en práctica os coñecementos adquiridos e gravaban o seu propio programa radiofónico nas instalacións de Radio Fene.O obxectivo do obradoiro era achegar aos menores ao medio radiofónico mediante o xogo, a investigación e a creatividade sonora, favorecendo nos participantes o desenvolvemento das súas capacidades expresivas, a atención e o traballo en equipo. No decurso da actividade, os participantes convertéronse en productores, redactores e locutores dun programa de radio que xirou sobre o libro e a literatura. De xeito lúdico e fundamentalmente práctico, os nenos aprenderon como é o proceso de conseguir a noticia, facer entrevistas, redactar para o medio radiofónico e editar un programa do que, logo da súa gravación, recibirán unha copia.