CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Concello conmemora este luns 30 de marzo o Día do Teatro co espectáculo "Conto Express"
27-03-2015
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que o Concello de Fene, para conmemorar o Día Mundial do Teatro, programará este luns, 30 de marzo, o espectáculo “Conto Express”, a cargo de Sarabela Teatro. Terá lugar na Biblioteca Pública Municipal “Xosemaría Pérez Parallé”, a partires das 12 horas. Trátase dunha proposta teatral para todos os públicos, aínda que dirixida preferentemente a nenos e nenas de tres e a nove anos.Ao longo de 45 minutos, os asistentes verán como Ranpunzel e Grettel Chanetti chegan en bicicleta con contos express e precisarán da colaboración do público para axudar a Camilo Comilón a cociñar os alimentos que lle dan os seus amigos e prepararán saborosas receitas. E xa de sobremesa, suxestivos petiscos doces,tirados do libro Contos silenciosos.
A actividade forma parte do programa “Ler conta moito”. Un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais. Con esta programación, a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.