Fene escribe unha páxina de ouro na historia da cultura de Ferrolterra coa presentación da última obra de Ramón Loureiro

CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO

Fene escribe unha páxina de ouro na historia da cultura de Ferrolterra coa presentación da última obra de Ramón Loureiro

Ramón Loureiro, escritor, xornalista, académico e Fenés do Ano, presentou o pasado venres na súa terra natal o seu último libro, “Diarios”, nun acto co que Fene escribiu unha das páxinas máis fermosas da súa historia. No que Fene se converteu en capital das palabras. Así se expresaba para definilo Juan José Franco, concelleiro de Turismo e Promoción Económica e impulsor do acto literario. Este comezaba xa ás 19,30 horas na casa consistorial. Alí, o alcalde, Gumersindo Galego, presidía a recepción a destacadas autoridades e personalidades do mundo da cultura que quixeron acompañar ao escritor de Sillobre. E, no salón de plenos, tiña lugar unha sinatura no Libro de Ouro moi especial. Deixaban constancia nel da súa visita Segundo Leonardo Pérez, deán da Catedral de Santiago e presidente da Academia de San Rosendo; Luz Pozo Garza, primeira muller que ingresou na Real Academia Galega e unha das mellores poetisas galegas de todos os tempos; Esperanza Piñeiro, catedrática de Historia; Xosé Luis Barreiro Rivas, escritor e politólogo; Ramón Sainero, profesor universitario membro da Real Academia de Historia; Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega; Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Hakan Casares, fillo do finado escritor; Narciso Pillo, músico e coordinador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol; Monseñor Don Eugenio García Amor; Wenceslao González, catedrático de Filosofía; Francisco Vizoso, membro da Real Academia de Medicina de Asturias e Premio Nacional de Medicina; José Manuel García Iglesias, membro da Academia San Rosendo; o xornalista Carlos Luis Rodríguez; o xornalista e subdirector de La Voz de Galicia, Carlos Agulló, e Manuel Carriero, da Academia San Rosendo.
A continuación, e con música de Bach e Haendel, e posteriormente a da agrupación local Airiños de Fene, comezaba o acto de presentación da obra de Ramón Loureiro no CMI de Fene. Na mesa presidencial acompañaban ao escritor o alcalde, Luz Pozo, Segundo Leonardo, Henrique Monteagudo e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Fene. Precisamente, era este o que tomaba a palabra para inaugurar o acto e agradecer moi especialmente a Ramón Loureiro, “o noso Fenés do ano”, por elixir o seu municipio para a presentación da súa última obra, e ao editor Javier González por aceptalo, así como ao Casino por ceder as instalacións. Pero tamén aos asistentes, por acudir a este acto tan especial e apoiar a cultura coa súa presenza.
Juan José Franco sinalaba que, “con este humilde, pero cariñoso acto, tratamos de facer algo pola persoa que leva facendo tanto pola cultura galega e por dar a coñecer Fene como é Ramón Loureiro, isto sen dúbida é a acción turística mais efectiva que se pode facer de Fene, porque espalla o nome de Ramón e espallar o nome de Ramón e como divulgar o nome de Fene, xa que o noso concello está presente en cada libro de Ramón e case que en cada capítulo”.
Engadía que “hoxe, Fene escribe unha das páxinas máis fermosas da súa historia, porque hoxe, Fene, é capital das palabras, o centro das grandes literaturas do Atlántico; as palabras nacidas en Fene están a ambos lados do Océano, e hoxe o mellor da literatura española nos acompaña, ben en persoa, ben coas súas mensaxes, seu afecto, súa lembranza ou as súas páxinas”.
A continuación, tomaban a palabra personalidades como Esperanza Piñeiro, Ramón Sainero, Javier Casares, Xosé Luis Barreiro e Henrique Monteagudo para falar da obra e da persoa de Ramón Loureiro e, posteriormente, Juan José Franco, procedía á lectura de cartas de amigos e autoridades que, aínda que non puideron asistir ao acto, quixeron estar presentes coas súas palabras. Estes foron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou o bispo de Ourense, J. Leonardo Lemos.
De seguido, tivo lugar a actuación estelar do Mago Antón e, a posteriori, sucedéronse as intervencións do alcalde e membros da mesa presidencial. Por último, e visiblemente emocionado, tomaba a palabra o propio Ramón Loureiro. “Estou verdadeiramente conmovido e profundamente agradecido”. Así comezaba o escritor a súa intervención. “Conmovido e agradecido, escoitando a tanta xente boa, brillante e seria dicindo, con tanto cariño, cousas que non son certas”, engadía. Aseguraba que “aínda que ás veces parece que un escribe para pasar o tempo, en realidade escribe para todo o contrario, para que o tempo non pase. Pero o tempo marcha. Marcha cunha velocidade extrema. E a escritura posúe, entre algunhas outras maxias, a de perpetuar o presente”. Engadiu que “mentres escribimos, recordamos. Estamos feitos, sobre todo, de memoria. E o fermento da memoria axuda a construír algo que se parece, aínda que sexa vagamente, á eternidade”. De aí que “os meus Diarios son unha mirada a este tempo de ferro que nos tocou vivir. Unha mirada a miúdo desesperanzada, aínda que non sempre”. Apuntou que “os meus libros serviron para devolverlles a vida aos meus mortos e, aínda que só fose a modesta vida do papel e da tinta... Sigo pensando iso. Pero agora penso, ademais, que, se cadra, os meus libros serviron para sacar das sombras do meu corazón un mundo extraordinariamente fermoso: o mundo no que nacín e no que fun vendo pasar a vida mentres aprendía o sempre difícil  oficio de ser home”. Ramón Loureiro rematou asegurando que “tamén vivo agora dentro dos meus libros. Eses libros que llelo deben todo a vostedes”. E, por iso, engadiu que “xamais poderei pagarlles todo canto lles debo”.
O acto culminaba coa entrega a Ramón Loureiro, de mans do alcalde, Gumersindo Galego, dun pergamiño coa seguinte lenda: “A Ramón Loureiro, Embaixador vitalicio de Fene e Señor da Terra de Escandoi”.