O Concello de Fene organiza un curso formativo de Mediador Xuvenil

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Fene organiza un curso formativo de Mediador Xuvenil

O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais e Educación que dirixe Juana Barro, organiza un curso formativo de Mediador Xuvenil, dirixido a rapaces e rapazas de entre 13 e 18 anos. Impartiráse na Casa da Cultura, o venres 10 (de 16,30 a 19,30 horas) e os sábados 11, 18 e 25 de abril (entre as 10 e as 13 horas). Así, a concelleira de área, Juana Barro, explicou que a iniciativa forma parte do programa Mocidade Activa, subvencionado pola Consellería de Sanidade e, entre as súas liñas de actuación, está a creación dunha rede de mediadores xuvenís que sirvan de nexo de unión entre as administracións locais e a xuventude, co fin de fomentar a participación da mocidade na comunidade, reforzar o tecido asociativo e desenvolver campañas de prevención e información próximas.
A rapazada que desexe participar deberá inscribirse ben no Departamento de Orientación do seu centro de ensino ben no Centro Municipal de Servizos Sociais. O prazo remata o día 8 e as prazas están limitadas (concederánse por orde de inscrición). A formación será eminentemente práctica, e os contidos centraránse na participación social, voluntariado e mediación xuvenil; ferramentas da persoa mediadora; a educación para a saúde, e as estratexias de dinamización social e difusión da información.
As funcións dun mediador son informar á xuventude sobre a súa comunidade, as actividades, os recursos municipais, e outros temas de interese... a través da xestión de taboleiros informativos nos centros, contas de correo, redes sociais, etc. Tamén, recoller ideas ou peticións dos compañeiros/as do centro educativo para facerllas chegar á administración. E, ademáis, deseñar e participar en actividades de sensibilización sobre valores, educación para a saúde, ou actividade de rúa.