CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
A mostra de caricaturas "Pola Cara", producida polo Concello, poderáse ver nos municipios de Ferrol, Neda e As Pontes
31-03-2015
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que a mostra de caricaturas “Pola Cara”, producida polo Concello de Fene para conmemorar o XXX aniversario do Museo do Humor viaxará nas próximas semanas á cidade de Ferrol e aos municipios de Neda e As Pontes. Será así despois de que a Concellería de Cultura puxese a disposición de centros de ensino e entidades a exposición. A resposta, segundo explicou a edil, non puido ser mellor e, a día de hoxe, o calendario de préstamo para este curso escolar está xa completo. De feito, actualmente a mostra permanece no colexio Os Casais de Maniños. De alí, traslasaráse ao CEIP de Esteiro –Ferrol-, onde permanecerá entre o 7 e o 24 de abril. A continuación, terá como destino o IES Fernando Esquío de Neda, entre o 4 e o 18 de maio e, por último, estará a disposición da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe A Fraga das Pontes entre o 20 de maio e o 12 de xuño.En todo caso, Rocío Bértoa sinala que o Concello mantén o prazo aberto para solicitar a exposición e fixar novas datas para o próximo curso. Así, os centros de ensino ou asociacións interesadas en dispor da mostra deberán cumplimentar un formulario e asinar o documento coas condicións de cesión fixadas. Este pódese solicitar ao Museo do Humor por email: museodohumor@gmail.com ou por teléfono: 981 34 24 00 (de luns a venres de 8 a 14,30 horas).
“Pola Cara” amosa unha importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por 53 debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais (Abraham Carreiro, Ulisses Araújo, David Lara, Jorge Inacio, Carlos Sardiña, Christian Jacob, Raúl Iglesias, Moisés Ramírez, Gogue, David Pintor, José Luis Castro Lombilla, Baptistao, Polo, Walter Toscano, Xavi, Sebastian Cast, Armando Gámez Padrón, Álex Gallego, Jarbas Domingos, José Julio, etc.). Entre os personaxes caricaturizados salientan actores e actrices como Jack Nicholson, Laurence Fishbourne, Laurel &Hardy, ou Judy Dench; deportistas como Neymar, Iniesta ou Michael Schumacher; políticos como Rajoy, Pablo Iglesias, Obama, Fidel Castro ou José Mújica; escritores como Gabriel García Marquez, José Saramago ou Francisco Ayala; pintores como Pablo Picasso ou Frida Khalo; músicos como Mike Jagger ou Freddy Mercury. Así mesmo, Rocío Bértoa explica que aqueles interesados en obter máis información teñen á súa disposición o seguinte blog: https://polacarafene.wordpress.com/