O Concello de Fene convoca o IV Concurso de Escaparates de Primavera

CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO

O Concello de Fene convoca o IV Concurso de Escaparates de Primavera

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo que dirixe Juan José Franco, reedita este ano o Concurso de Escaparates de Primavera. Será a cuarta edición do certame, co que se busca promocionar e apoiar o comercio de proximidade. Así, os establecementos interesados en participar na iniciativa poden, dende o próximo luns, 6 de abril, presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello. O prazo permanecerá aberto ata o día 13, ás 14 horas.
Será un xurado profesional e outro popular os que decidan os gañadores do concurso, cuxos premios se entregarán o 25 de abril, nun acto a celebrar no pavillón da Xunqueira e con hora de comezo ás 13 horas.
Así, no caso do xurado popular, poderán participar aqueles clientes que realicen compras nun mínimo de tres dos comercios participantes (entre o 20 e o 23 de abril). En cada un deles, selarán unha tarxeta, na que deberán escribir a súa elección posteriormente. Precisamente, será do 20 ao 23 de abril cando se abra o prazo para depositar os votos e, tamén nesas datas, o xurado profesional realizará un percorrido polos negocios participantes para avaliar a decoración dos escaparates.
En canto aos premios, o xurado profesional elexirá un negocio gañador, que recibirá un diploma e un trofeo. O xurado popular, tamén elexirá un establecemento mediante os seus votos, co premio dunha escapada rural para dúas persoas –aloxamento dunha noite e almorzo- cortesía de Organiza-Turismo e Eventos SL. Así mesmo, o mesmo día 25 de abril, realizaráse un sorteo público no que entrarán a formar parte as tarxetas dos clientes. Sortearánse dous vales de 20 euros para gastar nos establecementos adheridos á Asociación de Comerciantes, Hosteleiros e Servizos de Fene “O Cruceiro”, por cortesía da propia entidade.