Fene celebra este domingo unha nova edición da súa multitudinaria Milla Escolar

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

Fene celebra este domingo unha nova edición da súa multitudinaria Milla Escolar

O Concello de Fene acollerá este domingo, 12 de abril, a XXII Milla Escolar, na que tomarán parte centos e centos de nenos e nenas de entre tres e dezaseis anos. A concelleira de Deportes, Rocío Bértoa, apuntou que, como nos últimos anos, realizaráse na Avenida do Mar, en San Valentín, xunto ao pavillón da Xunqueira, nunha recta de 150 metros. Aínda que, se o tempo non acompaña, as probas trasladaránse ao interior do pavillón.A Milla dará comezo ás 11 horas, coas categorías superiores –cadetes- e rematará coa categoría prebiberón 1. No caso dos cursos de Educación Infantil, os nenos e nenas non sairán todos xuntos, senón en quendas de dez participantes para evitar aglomeracións na saída que poidan provocar caídas. Tamén por este motivo non se realizará a medición dos primeiros clasificados nin entregarán trofeos, aínda que si medallas para todos os participantes. Estas entregaránse ao remate de cada proba e, unha vez conclúan estas, os tres primeiros clasificados en cada categoría tamén recibirán os correspondentes trofeos.
A concelleira de Deportes, área que organiza a Milla municipal Escolar, agradeceu a colaboración da Policía Local e de Protección Civil, que velarán polo correcto desenvolvemento deste grande evento deportivo, e avanzou que a circulación dos asistentes terá lugar polas rúas transversais de San Valentín, deixando rúas alternativas de entrada e saída. Ademáis contaráse co aparcadoiro da entrada de San Valentín.
Así mesmo, no caso de que a carreira se traslade ao interior do pavillón, realizaráse un circuíto en redondo de aproximadamente 125 metros, no que o percorrido se determinará por voltas e a distancia establecida inicialmente pode variar para adecualo a voltas completas.
Por último, sinalar que aínda hai unha última oportunidade para realizar inscricións individuais. O mesmo día da carreira, entre as 9,30 e as 10,30 horas.