CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
Isi inaugura un novo ciclo de monólogos de humor deseñado polo Concello de Fene para conmemorar o Día dos Museos
13-04-2015
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, anunciou esta mañá que o Concello volve a apostar polos monólogos na programación cultural de Fene e, nesta ocasión, porá en marcha un ciclo co que conmemorará o “Día dos Museos”. ArrIncará este venres, 17 de abril, e contará con novas sesións os días 24 e 30 e o 18 de maio. En todos os casos, terá como escenario a Casa da Cultura e hora de inicio as oito da tarde. A edil apuntou que a entrada é completamente gratuíta, aínda que será preciso retirar invitación –dúas como máximo por persoa-, na Casa da Cultura, o mesmo día do espectáculo dende as 16 horas.Así as cousas, Rocío Bértoa anunciou que o popular cómico galego Isi será o encargado de inaugurar o ciclo cun monólogo que leva por título o seu propio nome. O instinto cómico de José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Isi, permaneceu durante anos agochado no ámbito doméstico natal até que un bo día gañou o televisivo concurso de chistes O Rei da Comedia. Desde entón, milleiros de espectadores poden gozar na televisión ou nos escenarios da arte de Isi para converter os momentos cotiás en memorables anécdotas coas que escachar da risa. As historias sobre a súa particular familia con tres nais e sobre os seus histriónicos veciños e o falar rápido e nervioso son a súa especialidade, sen esquecerse dos mellores chistes de sempre. Isi é habitual dos programas Luar, e Tourilandia, ademais de presentar O sofá.
O 24 de abril tomará o relevo Federico Pérez co seu show “Ración de Breogán”; o xoves 30 de abril, Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez “Guti”, presentarán en Fene “Os contos de Joselín” e, o 18 de maio, Josito Porto ofrecerá o seu monólogo “Laretando con Josito Porto”.