O Concello de Fene acollerá a exposición "Francisco Ibáñez, el Mago del Humor"

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

O Concello de Fene acollerá a exposición "Francisco Ibáñez, el Mago del Humor"

Co Museo do Humor como escenario, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que Fene acollerá este ano a exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor”, un percorrido pola obra do historietista Francisco Ibáñez, creador, debuxante e guionista dos personaxes máis célebres do tebeo español e que forman parte da infancia de moitas xeracións dende a década dos 50. Un creador que, como sinalou a edil, “é máis actual que nunca”, un referente para maiores e nenos. Todos eles, terán a oportunidade de achegarse á súa liña de vida e obra en Fene, a través desta mostra itinerante que está a percorrer o territorio nacional. Fará un alto no municipio galego en decembro –con data pendente de concretar- e quedaráse por espazo de dous meses.
O obxectivo da mostra é dar a coñecer todos os matices que compoñen o icono que é Francisco Ibáñez no mundo do cómic en España. Para iso, estructúrase en cinco grandes bloques nos que se repasa a biografía e analiza a súa obra e personaxes principais. Así mesmo, dáse a coñecer a súa vinculación coas editoriais nas que colaborou ao longo da súa carreira, a evolución do seu estilo e técnicas, as súas motivacións e o contexto no que desenvolveu o seu traballo. E é que é difícil atopar no noso país a alguén que non recoñeza a Mortadelo, ao Botones Sacarino, a Rompetechos, a Pepe Gotera ou a algún que outro personaxe de Ibáñez.
Na mesma comparecencia pública, Rocío Bértoa tamén informou de que o Concello recupera este ano os Premios Curuxa do Humor, pero nunha nova versión. Un certame que convocou a institución de xeito ininterrumpido e cunha periodicidade anual dende a súa fundación en 1984 e ata o 2007. E uns premios que teñen o obxectivo de recoñecera os mellores humoristas gráficos do momento. A Administración local vén de aprobar as bases e, nos próximos días, unha vez se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abriráse o prazo de presentación das propostas.Establécense dúas categorías: a Curuxa, aberta a calquer humorista maior de 25 anos residente en España, e a Curuxa-Nova, para os menores de 25 tamén residentes no territorio nacional. Nun e noutro caso, os participantes poderán presentar só un debuxo. A temática é libre, humor gráfico nas súas modalidades mudo, texto ilustrado ou viñeta. Iso si, deben ser orixinais, de creación propia e inéditos, redactados en lingua galega. O prazo de presentación pecharáse o 15 de setembro e deben dirixirse ao Museo do Humor deFene –Avenida de Conces, 20-22, Fene 15500-. Rocío Bértoa sinalou que haberá un primeiro e segundo premio por categoría. Na Curuxa, dotado con 2.000 e 1.500 euros respectivamente, e na Curuxa-Nova, con 1.000 e 500 euros respectivamente. En todos os casos, os premiados recibirán un diploma acreditativo. O xurado estará presidido polo alcalde e formarán parte del o edil de Cultura e tres humoristas ou expertos en humor gráfico. Tanto a súa composición como as bases do premio colgaránse na páxina web municipal www.fenecidadan.net.