CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
Fene celebra este domingo a xornada solidaria "Todo para Xoel" cun sinfín de propostas deportivas, talleres e xantar popular
15-04-2015
Fene acollerá este domingo, 19 de abril, a xornada solidaria “Todo para Xoel”. Unha cita coa que se pretende recadar fondos para Xoel, un neno fenés de seis anos que, dende bebé, padece unha parálise cerebral.Unha enfermidade que non apaga o seu contaxioso sorriso. Continuar coas terapias que realiza a diario, adaptar o vehículo no que se despraza ao colexio ou instalar un ascensor no edificio no que reside son os posibles destinos deses fondos que se buscan recadar coa xornada. O Concello, a través da Concellería de Cultura e Deportes, colabora nesta iniciativa xunto á entidade Paso a Paso, e outras asociacións, ademáis duns noventa establecementos comerciais e hosteleiros.“Todo para Xoel” celebraráse entre as 11 e as 19 horas no pavillón de A Xunqueira e, ao longo do día, non haberá descanso. Así, ás 11 horas está programada unha sesión de zumba; ás 12, de cardio box e ciclo; ás 12,45 h, un torneo de fútbol e diversos talleres para os máis pequenos, como maquillaxe e xogos infantís. Ás 14 h, dará comezo o xantar, coa animación musical de Los Zares (o prezo é de 10 euros para os adultos e seis para os nenos). E, a partires das 15,30 h, retomaránse as actividades infantís. Media hora máis tarde, celebraráse unha exhibición de baile e, ás cinco, sendos obradoiros de hip hop e de patinaxe. Ás 18 h retómase a zumba e, ás 19 h, fútbol feminino e máis talleres.
E, durante toda a xornada, inchables para os nenos. Unha programación cunha entrada a prezo simbólico: 3 euros.
Todos aqueles que desexen participar poden mercar as súas entradas nos seguintes puntos: Sociedade Agarimo de Sillobre, Pavillón de San Valentín, Altafit Gym Club Odeón, Natura Ferrol, Sociedade Cultural e Recreativa de Barallobre, Sociedade O Pote de Maniños e no campo de fútbol de Maniños. Nestes lugares, a veciñanza tamén ten á súa disposición rifas a un euro para participar no sorteo dun sinfín de agasallos e cuxa recadación terá como destino a mesma causa.