CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO
Fene convertiuse o sábado na capital do encaixe grazas ao seu Encontro de Palilleiras
20-04-2015
Fene convertiuse o pasado sábado na capital do encaixe coa celebración, no paseo marítimo de San Valentín, do seu tradicional Encontro de Palilleiras. Nel tomaron parte unhas catrocentas artesás que, durante toda a xornada, amosaron a súa depurada técnica e traballo. O Encontro, incluído na II Mostra Turística Vén a Fene!, recibía a visita de centenares de veciños e visitantes ao longo de todo o día. Nesta liña, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Juan José Franco, valoraba moi positivamente o desenvolvemento do evento que, por primeira vez, organizaba en solitario o Concello, despois de que a asociación Os Tadetas abandonase a organización do certame a un mes da súa celebración. Nesta liña, apuntaba que, a petición das palilleiras, o seu departamento asumía con escaso marxe de tempo e recursos a organización, grazas ao cal Fene mantiña a cita no calendario, da que destacaba a transcendencia do encontro a nivel turístico e económico. Así mesmo, agradecía moi especialmente a colaboración das palilleiras de San Valentín.Na xornada tamén houbo un espazo destacado para a solidariedade, xa que a recadación íntegra da venda de rifas irá destinada a Xoel, un fenés que padece parálise cerebral e paraquen precisamente se organizaba o domingo unha macro gala solidaria no pavillón de A Xunqueira, en San Valentín. O Encontro de Palilleiras arrancaba ás 10,30 horas coa recepción ás participantes por parte do alcalde, Gumersindo Galego, quen tamén presidía pola tarde o acto de entrega dos diplomas ás profesoras das entidades e asociacións de palilleiras que participaron na cita.Un recordo do seu paso polo municipio. Así mesmo, e pouco antes de rematar, procedíase á celebración do sorteo das rifas e á entrega dos agasallos.