Máis dun centenar de estudantes participaron nos obradoiros de bebidas saudables organizados polo Concello

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

Máis dun centenar de estudantes participaron nos obradoiros de bebidas saudables organizados polo Concello

Máis dun centenar de estudantes e profesores tomaron parte nos Obradoiros de bebidas saudables organizados pola Concellería de Servizos Sociais que dirixe Juana Barro no marco do Programa de Prevención de Drogodependencias e Promoción da Saúde, en colaboración cos centros escolares. Os talleres, que buscan retrasar o inicio do consumo de alcol, dar a coñecer bebidas non alcólicas e favorecer o seu consumo, e que o alumnado dispoña de información, celebráronse o pasado venres, 17 de abril, no CPI A Xunqueira, e o pasado luns, día 20, no IES Fene.
Están dirixidos ao alumnado de 1º e 3º da ESO e son impartidos por mestres de hostalería do IES Fraga do Eume, baixo a coordinación da pedagoga municipal. Nos mesmos ofrécese información, diferenciando as bebidas non alcólicas, os seus compoñentes e clasificación. A continuación, realízase unha demostración e, posteriormente, o alumnado escolle un combinado do recetario que se entrega previamente (batido e cóctel), elabórase e degústase.
Previamente, os estudantes deben cubrir un cuestionario para coñecer a información da que dispoñen sobre o alcol e que hábitos saudables teñen. Posteriormente, noutras sesións realízanse outras actividades onde se parte da información que o alumnado facilitou sobre o alcol, se aclaran dúbidas ou informacións erróneas e se racha cos tópicos existentes, ademais de realizar dinámicas para traballar a importancia da toma de decisións e a presión de grupo.