O Concello programa este venres na Casa de Cultura o monólogo de Federico Pérez "Ración de Breogán"

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

O Concello programa este venres na Casa de Cultura o monólogo de Federico Pérez "Ración de Breogán"

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que o ciclo de monólogos programado polo Concello para conmemorar o “Día dos Museos” continúa este venres, 24 de abril, co espectáculo “Ración de Breogán”, a cargo de Federico Pérez. A cita, na Casa da Cultura, a partires das 20 horas. A entrada é de balde, aínda que será preciso retirar invitación –dúas como máximo por persoa-, na Casa da Cultura, o mesmo día do espectáculo dende as 16 horas.
Federico Pérez é o encargado de darlle vida a Moncho, o protagonista da popular serie televisiva Era Visto!, que cada noite emite a Televisión de Galicia, e a Josito, en Padre Casares. Antes, traballou en Libro de Familia, O Show dos Tonechos, Mareas Vivas ou Air Galicia. Tamén ten actuado en películas como 18 comidas, Retornos, Encallados ou Mar Adentro, na televisión estatal (Los Hombres de Paco) e no teatro (O Florido Pensil). É ademais guionista e asesor lingüístico para cine e televisión. Como humorista, é autor do monólogo que este venres trae a Fene, despois do seu paso por diferentes teatros e auditorios de Galicia o pasado ano e no que interpreta a un sorprendente Breogán, que en rexistro cómico conta como fundou Galicia, desmontando mitos sobre a identidade galega.
A iniciativa forma parte do programa “Cultura no Camiño” que promove a Xunta de Galicia.