CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Concello programa este xoves na Casa da Cultura "Os contos de Joselín", con Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez "Guti"
29-04-2015
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que o ciclo de monólogos programado polo Concello para conmemorar o “Día dos Museos” continúa este xoves, 30 de abril, co espectáculo “Os contos de Joselín”, a cargo de Quico Cadaval, José Luis Gutiérrez “Guti” e Celso F. Sanmartín. Dará comezo ás 20 horas na Casa da Cultura, con entrada gratuita. Iso si, é preciso retirar invitación –dúas por persoa como máximo- nestas mesmas instalacións culturais o mesmo xoves, dende as 16 horas.Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… está baseado no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Un espectáculo que fai estalar o riso en todas as xeracións, dos maiores aos máis pequenos, sen distición.
Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval, José Luis Gutiérrez “Guti” e Celso F. Sanmartín, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incribles figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX. Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico en Galicia e España, e incluso en Arxentina, cos seus 23 “contos galegos” gravados.A iniciativa forma parte do programa “Cultura no Camiño” que promove a Xunta de Galicia.