Fene inaugura a exposición "Adriano, sesión continua" en torno ao seu emblemático cine
07-05-2015
Ás 21,30 h, o singular edificio abrirá as súas portas para acoller a proxección dun audiovisual co proceso de creación das 17 miradas sobre este cineA Asociación Cultural Lumen presenta Adriano, sesión continua, un proxecto cultural de creación multidisciplinar con vocación de universalidade e total liberdade creativa con dúas únicas condicións: xerar imaxes cunha forte carga visual e incluír ao cine Adriano coma elemento principal, soporte ou fondo do seu traballo. O resultado poderá verse nunha exposición colectiva na Casa da Cultura de Fene dende este venres, 8 de maio, e ata o día 31, en horario de 10 a 13 (de luns a sábados) e de 16 a 21 horas (de luns a venres). A inauguración da mostra terá lugar mañá ás 20 horas, nun acto presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa presenza dos artistas implicados. O acto terá unha segunda parte a partires das 21,30 horas. Neste caso, no propio cine Adriano –edificio do ano 1947 de estilo indiano emprazado na parroquia de Barallobre. Volverá a abrir as súas portas para acoller o visionado dun resumo audiovisual que recolle os dezasete traballos que integran a mostra e que foi bautizado co título desta. Un acto que inicialmente estaba previsto que presentase a actriz ferrolá Sonia Castelo, quen houbo de desculpar a súa ausencia por motivos profesionais.
Adriano, sesión continua é un único proxecto composto por 17 miradas sobre o emblemático cine fenés, 17 traballos que van da fotografía á curtametraxe, da instalación aos collages, da realidade á ficción, pero que conforman un todo que se poderá ver nesta exposición colectiva na Casa da Cultura de Fene
De seguido, relación dos traballos que integran a exposición:
· Tono Arias: A barreira invisible
· Pitusa Arias: Vivir no Adriano
· Gimena Berenguer e Begoña Bah: Tempo
· Marta Barros e Mario Nodar: A guía dunha muller de cine
· Rocío Brage e spam: Scherzo di follia
· Colectivo Intermitente: Para onde vai a cinema?
· Mª Dolores Fernández: Anacos de memoria
· Alba Gallo: Silent behind camera
· Brandán Gómez: Espazo de ruptura
· Carolina Martínez: You're not in Barallobre anymore...
· Rosa Neutro: Mañana, último día
· Emilio M. Pardo Seoane: Doll on a music box
· Álex Pérez: Tódolos camiños levan a Adriano
· Eduardo Pérez: Ocos
·Rubén Rodríguez de Torres: Luces, cámara...
· Helena Segura-Torrella: Sesión continua
· Gosia Trebacz, Kirenia Celia Martínez Acosta e Lupe Vázquez: Tus sueños