Os escolares, protagonistas do acto central na provincia da Coruña da Semana Mundial da Seguridade Viaria, celebrado en Fene
11-05-2015
Os estudantes do CEIP O Ramo foron os protagonistas do acto celebrado o pasado venres en Fene para conmemorar a III Semana Mundial da Seguridade Viaria, centrada este ano nos menores. Un acto que se desenvolveu no Parque Municipal de Educación Viaria, emprazado en Barallobre, e no que tamén tomaron parte o alcalde, Gumersindo Galego; o director do centro educativo, Benigno Sánchez Vales; o capitán do subsector da Garda Civil da Coruña, Jesús del Río; e a xefa provincial de Tráfico, María Victoria Gómez Dobarro, entre outros.Os escolares do Ramo deron lectura á Declaración dos nenos para a seguridade viaria elaborada por Nacións Unidas no marco da iniciativa #SaveKidsLives (Salva a vida dos nenos). Unha iniciativa que busca facer as rúas e as estradas máis seguras para nenos e nenas, xa que cada día máis de 500 menores en todo o mundo perden a súa vida en colisións de tránsito e moitos miles máis resultan feridos. Tamén seguiron con atención o vídeo editado por Nacións Unidas e leron as frases que previamente elaboraran no centro de ensino sobre a educación viaria e aquelas medidas que se deberían impulsar para mellorar nesta materia. Frases que formaron parte dos correspondentes carteis. E, con eles, cada rapaz fíxose un selfie para colgar na páxina oficial da UNESCO .
As actividades tamén incluiron unha particular ronda de preguntas ás autoridades presentes por parte dos nenos e nenas e, para rematar o acto, realizouse un circuito no Parque e unha solta de globos.