Éxito de participantes e público no II Encontro de Lavandeiras de Sillobre

CONCELLERÍA DE FACENDA, PROMOCIÓN ECONÓMICA, FORMACIÓN E EMPREGO

Éxito de participantes e público no II Encontro de Lavandeiras de Sillobre

Por segundo ano consecutivo, Fene acolleu o Encontro e recreación das Lavandeiras de Sillobre cun grande éxito de participación e público. Organizado polo Concello, a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo, contou coa colaboración da SCRD Agarimo; da AVV San Ramón de Sillobre, e da asociación cultural Mesturas.
Ramón Loureiro, escritor e Fenés do Ano, destacou no seu pregón que esta celebración marabillosa permite viaxar a través do tempo e recuperar a memoria dos nosos. Puxo en valor tamén a imaxe de Sillobre cuberto de blanco pola roupa quepoñían a secar, nos enxugadoiros, as lavandeiras. Unha imaxe que, na súa opinión, era un libro que estaba esperando a que o escribisen: “E ese libro, un libro moi fermoso, estádelo escribindo vos. Vos, recuperando a memoria das lavandeiras, recuperades a memoria do mundo”.
A través do Encontro, e nunhas horas, recreouse todo o proceso que no século XIX levaban a cabo as lavandeiras de Sillobre nunha intensa semana de traballo. Dende a súa viaxe a Ferrol en lancha cos cestos de roupa limpa ata o seu regreso a Fene coa roupa para lavar, ata a viaxe en carros ata os lavadoiros e o proceso de lavado, clareo, secado… Unha auténtica homenaxe ao sacrificado traballo desas mulleres de Sillobre.
Así, o programa arrancaba ás 11 horas co Roteiro dos Lavadoiros de Sillobre dende o adro da igrexa, en dirección a Vilanova, primeiro lavadoiro. De alí, polo camiño real, ata A Calzada, a Fonte dos Mouros, e Cima de Pedre, con seis lavadoiros con moita historia. Todos en funcionamento a día de hoxe e, todos, da mesma época, do século XIX.
Sobre as 16 horas, saía a lancha do peirao de Perlío ata Ferrol, nesa vocación de recrear as viaxes das lavandeiras. Ao regreso, e dende Perlío, iniciábase a subida a pé ata Sillobre. A chegada á igrexa de Santa Mariña de Sillobre, tiña lugar a lectura do pregón e, de seguido, celebrábase a recreación propia do traballo das lavandeiras no lavadoiro de Emérita. Os asistentes tamén puideron participar en obradoiros de artesáns: de elaboración do pan –a cargo de Panadería Ramón-, talla –da AVV-,bolillos, pintura, cerámica. E, como broche de ouro, a cea na SCRD Agarimo.