Uns 130 escolares dos centros de ensino de Fene participan neste mes nun obradoiro de saúde e nutrición organizado polo Concello

CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

Uns 130 escolares dos centros de ensino de Fene participan neste mes nun obradoiro de saúde e nutrición organizado polo Concello

A concelleira de Servizos Sociais, Juana Barro, informou esta mañá de que máis de 130 estudantes de Primaria dos centros de ensino de Fene participarán ao longo deste mes nun obradoiro de saúde e nutrición impulsado polo Concello no marco do programa municipal “Educar para a saúde na escola”.
O obradoiro consta de dúas sesións. A primeira, de sesenta minutos, sobre Nutrición e valoración funcional e, a segunda, de dúas horas, baixo a denominación Chef solar. Despois de que a primeira parte da actividade se celébrase na maioría dos centros escolares, os CEIPs Centieiras e Os Casais albergarán este xoves, 14 de maio, estas primeiras sesións. O obxectivo do obradoiro é adquirir hábitos, ferramentas e capacidades para a xestión da saúde e o coñecemento do estado da saúde física; fomentar a toma de decisións sobre a calidade dos produtos que comemos; coñecer, utilizar e elaborar distintos platos con produtos frescos (froitas, verduras); favorecer e aumentar a participación na cociña da casa, e introducir coñecementos prácticos das enerxías solares renovables e limpas.Así mesmo, a concelleira Juana Barro apunta que a segunda sesión do obradoiro realizaráse nos centros entre os días 19 e 27 deste mes de maio.
A través do sinalado programa “Educar para a saúde na escola”, o Concello de Fene participa no Plan de Prevención de Drogodependencias e Promoción de Saúde subvencionado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, sendo ademáis entidade municipal seleccionada para o desenvolvemento do Plan Xermola da Xunta de Galicia.