CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Museo do Humor acolle a clausura do taller "Licenza para Rir" organizado polo Concello
20-05-2015
O alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura e Deportes, Rocío Bértoa, entregaron onte á tarde os diplomas ás alumnas do obradoiro “Licenza para rir” que, dende o último trimestre do 2014 e ata a data, se vén celebrando no Museo do Humor. Unha actividade guiada e dirixida pola experta en risoterapia Clara González Domínguez, e promovida pola Concellería de Cultura do Concello de Fene no marco da súa programación anual.O obradoiro “Licenza para rir” buscaba transmitir dende a alegría o goce do presente, proporcionando ferramentas coas que activar a risa propia, franca e saudable. En definitiva, unha actitude na vida de conciencia, con sentido do humor.
Os seus obxectivos eran dar a coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; fomentar a creatividade individual e grupal dende o lúdico; utilizar a risa como unha ferramenta favorecedora da comunicación e un estímulo da creatividade; aproveitar optimamente os beneficios das sesións e axudar ao corpo e á mente a afrontar positivamente calquer situación de tensión utilizando a risa como unha valiosa ferramenta terapéutica. Para iso, ao longo de dezaseis sesións, mestra e alumnas traballaron con movemento expresivo, improvisación, dinámicas lúdicas e ioga da risa.