CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES
O Concello de Fene entrega a recadación da carreira 10K a Arraigo
21-05-2015
O Concello de Fene decidía este ano destinar integramente a recadación da carreira 10 K celebrada o pasado domingo 17 de maio á asociación Arraigo, de axuda a persoas en situación ou risco de exclusión social. Unha entidade constituída en 2012 que leva a cabo importantes proxectos como a merenda solidaria, no que se atende a persoas da bisbarra con escasos recursos e se reparten bolsas con alimentos e productos de hixiene, ou o punto de encontro, onde se proporciona aos usuarios un lugar onde reunirse e pasar tempo facendo distintas actividades.Despois de que as rúas de Fene acollesen a carreira o domingo cun notable éxito de participación, no día de onte o alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Deportes e Cultura, Rocío Bértoa, facían entrega da recadación á presidenta de Arraigo, Carmen Rey.Unha recadación que ascendeu a 1.375 euros e que lles permitirá continuar coa súa labor asistencial.
Neste sentido, o alcalde destacou e valorou o seu traballo e a concelleira agradeceu o seu apoio en labores de avituallamento no transcurso da carreira, coa que colaboraron os membros de Arraigo a pé de rúa.