"Luces, cámara,...acción!" no Verán Máis Alá de Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

"Luces, cámara,...acción!" no Verán Máis Alá de Fene

Cento vinte nenos e nenas participan dende o día 1 de xullo nunha nova edición do Verán Máis Alá! de Fene, o campus lingüístico que organiza a Concellería de Cultura co obxecto de facilitar unha alternativa de lecer educativo na nosa lingua, á vez que, polo seu horario, promove a conciliación da vida laboral e familiar. Nesta ocasión, o “Verán máis alá” ten na sétima arte o tema central sobre o que xiran todos os contidos e actividades.
Nunha posta en escea realizada polos monitores/as, os pequenos/as asisten nestes primeiros días de campamento á chegada duns productores de cine dispostos a facer investimentos millonarios en novos talentos. Deste xeito, e segundo vaia avanzando o campus lingüísticio, os/as participantes pasarán por diferentes xéneros cinematográficos (ciencia ficción/superheroes, cine de terror, clásicos infantís, cine de aventuras e de acción), tanto para ambientar e dinamizar as actividades como para ubicar as curtametraxes que vaian realizando.
O Verán Máis Alá! 2015 contempla un amplo e diverso programa de actividades formativas e de lecer coas que coñecer os recursos naturais, culturais, deportivos, e sociais do concello de Fene. Neste senso, ao longo deste mes de xullo, os rapaces/as terán a oportunidade de participar en todo  tipo de actividades: acuáticas (xogar na auga nas instalacións da piscina municipal); artísticas (fofuchas e polichinelas superheroes, efectos especiais, decoración festa, mapa do tesouro...); formativas (playing with tales, making off, animación á lectura...); xogos, xogos populares e deportes convencionais; actividades musicais, teatrais, de danza e expresión corporal (a música no cine, rodaxe e efectos especiais, presentación e ensaios festival...); de lecer, animación e convivencia; saídas, tanto polo propio concello (Radio Fene, Museo do Humor, Parque de Educación Viaria, A Galaxia Imaxinaria...), coma fóra (excursión ao Muncyt da Coruña) e, para rematar, tomarán parte nunha festa de convivencia coas familias nas instalacións da SCR O Pote de Maniños.
Logo destas primeiras xornadas de presentación e toma de contacto cos/as monitores/as do Verán Máis Alá!, os participantes do campus lingüístico realizarán ao longo desta semana -do 6 ao 13 de xullo- varias saídas á piscina municipal co fin de desenvolver actividades na auga: aprendizaxe de distintas técnicas de estilos de natación, saídas, viraxes, exercizos de familiarización co medio acuático, adestramento de flotación e propulsión, inmersión e desprazamentos en apnea, etc. Para o desenvolvemento deste programa, realizaranse varias quendas, organizándose os grupos por idades.
Coma en anos anteriores, o Verán Máis Alá! De Fene desenvólvese no CEIP de Centieiras (Perlío), participando nel nenos/as escolarizados en educación infantil e primaria, nados entre os anos 2003 e 2011. Este campus lingüístico do Concello de Fene recolle dúas modalidades de participación. A primeira delas, denominada “Máis Alá!” (de 10.00 a 14.30 horas) atinxe á programación de actividades relacionadas coa temática do programa. A segunda modalidade, “Bos días!” (de 8.00 a 10.00 horas) permite que os rapaces/as entren ao centro entre as oito e as dez da mañá, co fin de facilitar a conciliación dos pais/nais. Segundo informan dende a Concellería de Cultura, as actividades do Verán Máis Alá! 2015 pódense seguir a través do blog http://veranmaisala2015.blogspot.com.es