Guadi Galego abre o Ciclo do día da Patria Galega en Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA

Guadi Galego abre o Ciclo do día da Patria Galega en Fene

A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica. Foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, amais de tomar parte como intérprete e compositora dos proxectos colectivos Nordestinas, Espido e aCadaCanto.
Con “Lúas de outubro e agosto”, Guadi Galego preséntase agora cun son e cunha expresión artística máis madura, atrevida e melódica, á vez que máis arriscada. O disco contén fermosas cancións cun nexo común: a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco.
"Lúas de Outubro e agosto" gravouse en xuño de 2014 nos estudos Alis Records de Baeza coa produción musical de Pachi Alis e coas colaboracións de Santi Cribeiro ao acordeón e Pablo Pascual tocando clarinetes.O ciclo do Día da Patria Galega continuará en Fene o vindeiro luns co mago Román, presentando tamén na Praza do Concello o seu último espectáculo, “Labirinto de ilusións 2.0.”. A función será tamén neste caso a partir das dez da noite (entrada libre).